A personalidade feita Concello

Serxio González Souto
serxio gonzález PONTECESURES / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A Illa está de moda, pero, é preciso regular dalgún xeito tanto movemento de xente? Os candidatos explican a súa visión

10 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Arousa non só é o municipio máis novo da ría á que, probablemente, deu nome. É, tamén, un bastión histórico do PSOE. Agás contadas ocasións, mesmo nos momentos más complicados para o puño e a rosa, A Illa torceu para as súas cores. Algo que tratará de conseguir de novo o alcalde, o socialista Carlos Iglesias, e tratarán de evitar Juan José González, polo Partido Popular, e David Mochales, polo BNG.

-É preciso regular o acceso de vehículos a motor no verán?

-Carlos Iglesias (PSOE). Xa durante este mandato desenvolvemos un plan de mobilidade sostible, financiado en parte pola Deputación. Unha das súas razóns foi precisamente esta. A raíz dese plan presentámonos a unha subvención europea, e o noso proxecto vén de ser elixido. A finais deste ano sacaremos a licitación a primeira fase, con intención de ampliala. Trátase da creación dun aparcamento disuasorio na zona do Bao, en terreos de Costas do Estado, a instalación de estacións de bicicletas eléctricas, tanto nese aparcamento coma no pobo, e o marcado de carrís bici. A apertura dun novo vial permitirá pechar O Regueiro ao tráfico. Xa nunha segunda fase queremos poñer en marcha unha liña de bus entre a ponte e o centro.

-Juan José González (PP). Deberiamos controlar o estacionamento de vehículos, máis concretamente exercer un control sobre as zonas que habilitamos para aparcar. Deste xeito conseguiriamos exercer certo control, xa que, no referente á afluencia de vehículos, pouco se pode facer.

-David Mochales (BNG). Regular é algo necesario. Teñamos en conta que regular non é prohibir. Dende o BNG queremos levar a estudo o uso de espazos públicos -avogando por varias posibles peonalizacións e humanizacións para promover o desprazamento a pe-, e evitar problemas de mobilidade ofrecendo alternativas como ben pode ser solucionar o problema de aparcamentos actual. A carencia dun óptimo servizo de transporte público complica a situación, debendo atopar opcións para ofrecer alternativas realistas. Un tema prioritario no noso programa é loitar por un transporte público local e exterior competente. Nun concello coma o noso, o uso da bicicleta é maioritario. Nós temos xa un traballo feito para desenvolver un plan axeitado e viable.

-Que nos din de recuperar un servizo coma o da vella motora?

-C. I. Somos conscientes de que os nosos visitantes non só quedan na Arousa, senón que queren coñecer tamén o resto dos municipios do Salnés. Dende este punto de vista, un servizo estival que comunicase os diferentes pobos da ría, tanto da beira norte como da sur, podería aliviar a presión do tráfico. Pero como unha liña regular para os veciños, non o vexo.

-J. J. G. Tería, sen lugar a dúbidas, un efecto nostálxico en xeracións coma a miña. O efecto turístico podería ser interesante, pero o efecto práctico sería prescindible. En resumo, non sería unha tolemia, pero tan só como atractivo turístico.

-D. M. Restablecer o servizo sería algo con pouco sentido se falamos de utilidade. Os veciños que lembran convivir con ese medio saben ben das limitacións e incomodidades do mesmo. Actualmente hai empresas privadas na zona dedicadas a actividades similares coas que habería que falar, de todos modos, e saber a súa opinión. A nivel simbólico, si, pero pretendemos dar prioridade nos orzamentos a actividades de primeira necesidade.

-Que sería o primeiro que faría logo de tomar posesión?

-C. I. Se o día 26 o pobo considera que o meu equipo e máis deu debemos continuar, o que fariamos é seguir traballando para aplicar o noso programa e afondar no crecemento sostible da Illa, facendo máis Arousa.

-J. J. G. O primeiro que faría sería chegar ás oito da mañá do día seguinte e poñer, enriba da documentación que deixase o anterior alcalde, un folio que puxese: pavillón de deportes.

-D. M. O primeiro que faría ao tomar posesión sería elaborar un estudo do que se ten feito nos últimos vinte anos no Concello, para coñecer a situación real do mesmo. Sempre da man dos expertos, implementando unha transparencia a todos os niveis entre o Concello e o veciño. Resumidamente, o primeiro que faría sería converter o Concello no que debe ser: a casa de todos. A nivel de xestión, centrariámonos en humanizar e en preocuparnos polo pobo: saneamento, parques, vertidos... Un exemplo claro é como actualmente os nenos non teñen, en toda A Illa, unha canastra ou unha portería para xogar. Algo impensable nun pobo que sempre fixo alarde de ir ligado ao deporte. Queremos un pobo coidado, e preocuparnos de que sexa así para por fin facer da Illa a xoia que merece ser.