De Castelao e Miguel Anxo Seixas

AROUSA

CARMELA QUEIJEIRO

05 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na miña adolescencia xuraba que o meu amigo Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) ía para gran pintor. Dunha volta, nun libro de Inglés, debuxoume unha moza fermosísima e nunca quixen, curso tras curso, desfacerme daquel manual. Eran eses anos de crecemento onde xorden afectos

inesquecibles. Miguel Anxo non se converteu en artista plástico, a pesar de que reunía extraordinarias dotes para o debuxo e un insaciable afán pola cultura: despois de licenciarse en Historia agromou nun intelectual sólido, por máis autor de contribucións e ensaios, entre outros, ó redor de Ánxel Casal, Rosalía, Camilo Díaz Baliño ou do Camiño de Santiago. En novembro de 2017 asistín á defensa da súa tese doutoral; foi un acontecemento que superou calquera cerimonia académica ó uso. Non era para menos: a necesidade de que alguén consistente afrontase a biografía íntegra de Castelao (1886-1950) e a talla do doutorando, fixeron que a ese acto, nun marco excepcional, aparte de familia e amigos, acudiran representantes da cultura galega en xeral. Miguel Anxo, evidentemente, non precisaba o título de doutor nin a inxente obra que acometeu requiría o verniz dun sobresaínte cum laude, obrigado porque nin o tribunal podía atreverse a outra cualificación. En realidade, era Galicia quen precisaba esta obra definitiva. Nela, Seixas recorre exhaustivamente a vida de Castelao dende o nacemento, preocupándose non só do ilustre rianxeiro, senón tamén do medio no que se desenvolveu. A modo de exemplo: con ocasión do nacemento de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, descúbrenos as orixes dos Castelao no Ullán e miudezas como quen e por que se empeñou en engadirlle o nome de Alfonso; repasa os persoeiros coetáneos, a estrutura política, relixiosa e administrativa, a vida social e económica, de aquí e de Ultramar, onde o pai se fixera estancieiro. Traza, sendo dalgún xeito o magnífico pintor que esperabamos, un acabado e minucioso retrato de Castelao e da época e o debuxo queda completo. A bagaxe intelectual de Miguel Anxo Seixas, permite incorporar á biografía, mais alá do

investigado, coñecementos históricos e sociais cun enfoque científico actual, acrecentado cunha amenísima feitura literaria en pasaxes arduas, como cando describe a

situación socioeconómica e introduce coplas, refráns, frases populares que recrean e axudan a entender como percibía a xente aquela realidade. Ou cando narra impresións, sentimentos. A Editorial Galaxia publicou nestes días o primeiro tomo, co título Castelao construtor da nación que inicia a biografía desa insigne figura inabarcable: político, artista, escritor, médico, funcionario, académico; e vence a gran dificultade de tratar a un home que forma parte do imaxinario popular e ao que cada un dos galegos ve como seu, aínda sendo Castelao un persoeiro universal con creacións espalladas por todo o mundo. Esta obra resulta imprescindible para coñecer a

Castelao e ao seu contexto histórico; ou, mellor: vital para descubrirnos a nós como pobo. Non esquezamos que entendérmonos precisa comprender e valorar a nosa raíz. E Castelao é a fonte que agora podemos ollar limpa e clara.