De entroidos de casino


«O entroido do Grove é moito, meu». É certo. Pero o enfoque e a súa realidade non permiten pensar que vaia mais alá dun exitoso festival organizado e subvencionado polo goberno local que, ademais, intentou que a estes días de troula se lle dese a Declaración de Interese Turístico. Obviamente, non deberían outorgarlla por non reunir os requisitos esixidos de singularidade, orixinalidade e reflexo

da idiosincrasia e valor cultural. O asombroso sería que a Xunta de Galicia dixese que si. Non cabe dúbida que resulta un magnífico e multitudinario certame, concurso ou espectáculo, ben estruturado. Pero aí debería quedar, que non vén sendo mala pósta. Federico Cocho (Xinzo de Limia, 1958) ten publicados dous estudios e múltiples artigos sobre o carnaval galego nos que recolle pasado e presente desta celebración. En O Entroido galego (1998) defíneo así:

«É a gran festa de festas, todo un compendio de creativa espontaneidade, por unha banda, e de repetición de seculares rituais, por outra. O arquetipo da transgresión da orde habitual, da inversión de valores». No Salnés, de xeito senlleiro no Grove, o carnaval sobreviviu á represión do franquismo e á persecución da Igrexa, a quen lles proía a liberdade, desorde e igualdade dese tempo. Malia esa vitoria, agora dá a impresión de que o entroido caeu derrotado, deixou de ser, como escribiu Federico Cocho «unha festa catártica baseada na inversión de todo: regras sociais, valores, condición humana, clase, idade, sexo. O mundo ao revés, a volta a un caos primixenio, a transgresión (sátira, burla), a reafirmación da colectividade, a risa, a visión cómica do mundo, o exceso…» e camiña cara a unha especie de festival ordenado, regulamentado, abandonando esas esencias de seu de liberdade, corrosión, descaro, libidinosidade e anarquía. Nas vilas arremedouse a evolución previa das cidades, nas que todo o Carnaval se transformou nun certame de casino ou nun desfile de modelos, tal cal os das sociedades ben pensantes, coutados en recintos de liceos de xente de orde, mais que nada por evitaren o que puidese pasar. Por moito que se estilara en ateneos e círculos varios, as comparsas e comitivas, que aínda que non o pareza non son elemento xenuíno do entroido, non naceron para sometérense a un xurado nin debe ser deturpada a carnavalada con desfiles de disfraces con números de orde e premios por categorías. Ademais, os carnavais están a desenvolverse con financiación e organización públicas, controladas politicamente, que, quéirase ou non, convértense en cadeas para tódolos participantes e, ao remate, valen para que o entroido frutifique como propaganda dos gobernos locais. Depender do poder e axudalo é a perversión do entroido. Quédanos a choqueirada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

De entroidos de casino