Montse Prado: «Ser muller e de aldea imprime carácter»

A coordinadora do grupo parlamentar do Bloque naceu na máis pequena das parroquias de Cambados


redacción / la voz

Oubiña non é unha parroquia calquera de Cambados. Para empezar, é a máis pequena de todas. Ten forma de rombo e está unida ao resto do mun icipio arousán por un punto xeodésico onde en tempos se erguía un castro. Naquela aldea naceu en 1965 Montserrat Prado Cores, deputada do BNG no Parlamento de Galicia pola provincia de Pontevedra e pioneira en moitas cousas, mesmo dentro da súa propia organización política. «Ser muller, de clase humilde e de aldea imprime carácter, e unha muller de aldea non ten por que estar predestinada a non ter outros horizontes que buscar un home para casar e ter fillos», sostén Montse, que dende logo mudou dende ben cedo calquera camiño que levase esa dirección. Foi unha das fundadoras da asociación cultural Xironsa nunha época na que case todo estaba por facer. «Había poucas opcións, ou te autoorganizabas, porque os recursos eran escasos e non había espazos públicos nin centros culturais, ou non facías nada». O que daquela non faltaba, nin en Oubiña nin en ningunha outra parroquia, eran cregos. A don José gustáballe o teatro. «Empezamos dun xeito moi embrionario, actuabamos enriba dun camión do leite, no adro da igrexa; logo montamos un grupo de baile; os días de festa viñan Os Campaneiros de Vilagarcía». Cando o cura marchou de párroco a Corvillón, recomendouna a ela para que organizasa actividade cultural tamén aló. Foi así como xurdiu Xironsa.

«Creo que case nacín con conciencia política; sempre lle tiven un especial apego a todo o que fose propio. O idioma, a cultura, o baile». Montse lembra un par de profesoras novas que, aló polo 77, chegaron ao colexio San Roque, de Corón, onde ela estudaba os últimos cursos da EXB. «Aló estaba José Romero, que era do BN-PG, e tivemos unha moi intensa afinidade, Autoxestionabamos o comedor escolar, faciamos acampadas... Foi como unha eclosión. Falabamos do país, do que necesitaba, do que estaba a pasar, da importancia do noso. Ese foi o pistoletazo que lle deu forma a aquela intuición miña».

Entre 1979 e 1987 Cambados estivo gobernado por un equipo nacionalista, e a futura deputada, aínda que moi nova, estaba vinculada xa ao seu entorno. O seguinte paso lóxico foi a militancia no BNG, primeiro coma independente e logo dende as filas da UPG. En 1983 participou como interventora nas eleccións municipais, as primeiras nas que votou, para participar na fundación de Galiza Nova en 1988 e entrar como concelleira na corporación local tres anos máis tarde.

«Estudei Maxisterio en Pontevedra, e xa traballando fixen tamén Historia; non foi nada doado, pero os compañeiros axudáronme moito, pasábanme os seus apuntes e estoulles moi agradecida».

Da súa extensa traxectoria política, Prado subliña o seu chanzo como delegada provincial da Consellería de Innovación e Industria dende o 2005 ao 2009, co bipartito que na Xunta conformaron o PSOE e o BNG. A caída do goberno autonómico supón un maremoto no seo do Bloque. É precisamente entón cando a cambadesa se converte na primeira muller en ocupar a secretaría de Organización da fronte nacionalista. «Foi unha época moi complicada, de xestión moi difícil logo da caída da coalición, e podes imaxinarte o que supuxo estar na sala de máquinas». Tamén formou parte do consello da CRTVG. E así xorde unha pregunta inevitable. ¿Serve para algo semellante organismo? «Tendo en conta que estás en minoría, e que non podes condicionar absolutamente nada, máis aló de denunciar o que funciona mal, a resposta é obvia». En canto ás fugas que propiciaron a asemblea de Amio e a posterior conformación de AGE e de En Marea, a deputada e actual coordinadora do grupo parlamentar do BNG cre que «o tempo está a poñer as cousas no seu sitio, e o acerto de manter un proxecto nitidamente galego, das capacidades do país e do seu desenvolvemento, sen dependencias doutras organizacións». Non obstante, «as nosas portas -afirma- seguen abertas para todas aquelas persoas e entidades dispostas a traballar polos obxectivos que nos temos marcados; o BNG sempre foi a casa común do nacionalismo».

Fóra dos escanos, Montse Prado gusta de cociñar entre amigos -«as fabas con algas e ameixas sáennos moi ben-, de ler e viaxar co seu compañeiro, sempre que a dedicación ao labor político llelo permite. A última, a Grecia, o verán pasado. Daquel adaxio de que o nacionalismo se cura viaxando, por certo, tururú: «Canto máis viaxo máis me reafirmo na gran nación que é Galiza».

En Montecelo, como celadora do Servizo Galego de Saúde.

¿Votou algunha vez a un partido que no fose o seu?

Á candidatura de Unidade Galega no 83, que mantivo o seu nome e gobernou en Cambados ata o 87. Dende entón, BNG.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Montse Prado: «Ser muller e de aldea imprime carácter»