O Ribadumia eleva a mes e medio a súa imbatibilidade

Pablo Penedo Vázquez
PABLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

basilio bello

Hugo Soto, de penalti, salvou un punto no feudo do Laracha

02 mar 2019 . Actualizado a las 22:06 h.

Cun empate a uns resolveu o C.D. Ribadumia o seu paso polo campo do Laracha na tarde do sábado. Un resultado xusto en opinión do técnico aurinegro, Luis Carro, a quen non lle doeron prendas en recoñecer que o seu equipo asinou o peor primeiro tempo no que vai de tempada, castigado co 1-0 co que se chegou ao descanso.

O encontro arrincou cunha desas accións que poden variar o destino. Non se queimaran inda os dez primeiros minutos de xogo cando o porteiro local, tentando evitar un saque de esquina, asistía a Monchito para que este introducise o coiro nas mallas do seu marco. Porén, o colexiado decretaba que o balón saíra antes pola liña de fondo, anulando o que tería sido o 0-1.

Os pupilos de Luis Carro non foron quen de trasladar ao terreo de xogo o plan de partido deseñado polo seu técnico e traballado durante a semana na Senra. E o resultado foi a iluminación do escenario que máis lle interesaba ao Laracha. Co fútbol directo campando polas catro esquinas do terreo de xogo para desesperación do técnico vilanovés.

Anulado por completo o Ribadumia, o Laracha aproveitou a que ben podería dicirse foi a única acción cargada de perigo da primeira parte. Un centro lateral que Diego Abal defendeu mal, permitíndolle a Javi Sandá gañarlle as costas para bater de tiro cruzado a Roberto Pazos no minuto 27.

O paso intermedio por vestiarios deulle pé a Luis Carro a refresacarlles a memoria aos seus homes, e sinalarlles o bo camiño. O Ribadumia fíxose co control da pelota e do partido. Mais sen moita pegada. Un disparo de Cerqueiras con intervención do gardamallas local, e outro de Hugo Soto foron as notas de cor previas ao penalti que posibilitou o empate a 6 minutos da conclusión. Nun saque de córner prolongado por Bugallo para disparo de Eloy, cun defensor do Laracha tocando o balón cunha man. Hugo Soto transformou a pena máxima.

Luis Carro valoraba ao termo do choque «positivamente o empate», en tanto lembra a dificultade de encadear seis xornadas sen coñecer a derrota -dous triunfos e catro empates- nunha categoría como a Terceira División.

FICHA:

LARACHA (1): Ricardo; Víctor, Ramsés, Parga, Antonio, Iván, Javi Sandá, Antón, Adrián, Iago Novo e Boedo (Nacho, min 76)

RIBADUMIA (1): Roberto Pazos; Santi, Diego, Miguel Vázquez, Cheri (Rubén, min 65), Eloy Fariña, Manu, Hugo Soto (Gabi, min 90), Monchito (Rodri, min 80) e Tomás Abelleira

Goles: 1-0, min 27: Javi Sandá. 1-1, min 84: Hugo Soto (de penalti).

Árbitro e tarjxtas: Manuel Casanova Cudeiro (Colexio de Ourense). Amonestou a Boedo polo equipo local, e a Santi, a Cheri e a Rodrigo, polo visitante.