Alarma


Apráctica urbanística no Grove é unha enfermidade dexenerativa que rematará coa destrución, sen conmiseración, do patrimonio e dos espazos comúns. Non parece ter cura. No 2002 o Decreto Cuiña, un baldón colectivo, avalado por tribunais e sentido común, suspendeu a aplicación da normativa urbanística. Ninguén respondeu da desfeita nin asumiu responsabilidades.

Chegamos ao 2019 cun pleno municipal sabedor de que terá que deseñar algún día un plan, pero cun medo coma ao lume a consensualo. Sacrifícase o futuro común: non hai amplitude de miras nin xeito de que se considere ao deseño urbanístico como obriga do conxunto de concelleiros e, veña, todos a unha, a entoar variacións da popular copla de Franco Calvete: «Quen matou ao Grove? Matámolo todos». Sábese que o urbanismo implica organizar unha certa calidade de vida, distribuír riqueza ou, en fin, garantir futuro colectivo.

Pasan as Corporacións, pero o deseño do común non se fai e, sorprendentemente, ata os de esquerdas semellan neoconversos, adaíles dun concepto da propiedade privada superado, esquecéndose da función social dela. Describir o estado do patrimonio, parte tamén do urbanismo, causa, como pouco, pasmo. Hai polo menos catro castros catalogados e ningún, como agora se di, posto en valor; as vellas fábricas de salgadura, algunhas formando un tesouro inconmensurable como as do Carreiro-Barcela, con O Castriño e Adro Vello en poucos metros, en perpetuo desamparo. Ou o conxunto de Punta Moreiras. Ou o regato da Cova da Loba, con mais dunha ducia de muíños nuns escasos novecentos metros; ou os edificios singulares da illa da Toxa ou a Toxa mesma, transformada nunha barriada. Ou a sagrada Figueira do Meco, descrita polo Padre Sarmiento no XVIII, sen protección real. Os patrimonios cultural, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, toponímico: todos esquecidos, desatendidos, coma se se quixeran rexeitar as propias raíces. Como pobo, teriamos que ir mirarnos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Alarma