Touriño e Piñeiro encadean os seus terceiros títulos de campións de España

As estrelas do Kennel Den gañaron con contundencia en terras cántabras


Eran os claros favoritos ao triunfo nas dúas categorías raíñas do canicrós, e non defraudaron. A catoirense Mónica Touriño, con Nepal, e o vigués Óscar Piñeiro, xunto a Siddharta, proclamáronse a pasada fin de semana campións de España de mushing sobre terra en canicrós sénior feminino e masculino, respectivamente. Título que as dúas parellas de estrelas do Kennel Den catoirense gañan por terceira tempada consecutiva. Desta volta, coa localidade cántabra de Polientes coma escenario.

Nin a redución pola choiva do circuito de competición inicialmente previsto de 4,7 quilómetros evitou que Touriño, Piñeiro e os seus compañeiros caninos ampliaran o seu dominio incontestable na disciplina a nivel estatal.

Coa lama integrada na carreira como un factor máis, Mónica Touriño levou o título en xogo tras as dúas mangas de rigor cun tempo de 23 minutos, 28 segundos e 52 centésimas, sacándolle nada menos ca 1.27,16 de vantaxe á subcampioa, a catalana Olga Álvarez (24.55,68). A aragonesa Tamara Vázquez completou o podio de canicrós sénior feminino xa cun tempo de 27.01,91, coa compañeira de Touriño no Kennel Den Catarina Triñanes rozando a medalla no Campionato de España no seu primeiro ano no mushing, a 12,43 segundos do bronce (27.14,34).

Con absoluta claridade, pero algo menos de contundencia cá Touriño, Óscar Piñeiro e Siddharta fixéronse co Campionato de España de Mushing sobre Terra en canicrós sénior masculino en 21.07,81, polos 22.00,23 do castelán-leonés Rodrigo e os 22.42 do catalán Santi del Valle. Cristian Martínez e Indie, do Kennel Den, remataron trixésimos, en 30.47,26, co vilagarcián Kiko Martínez facéndoo no décimo segundo posto en bikejoring con Polo e no 23º. en canicrós con Roger, nos dous casos de Martínez, en categoría veterán.

A vindeira cita para o Kennel Den será o XI Mushing Boborás, o 8 de decembro, segunda proba do calendario da Copa de España.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Touriño e Piñeiro encadean os seus terceiros títulos de campións de España