Conversas inesperadas

José Vaamonde

AROUSA

MARTINA MISER

A crítica de José Vaamonde

03 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Para o diálogo é necesario que haxa entendemento e coñecemento. Se non estaríamos diante dun monólogo, un discurso ou unha discusión. As cousas suceden pola conexión, azarosa ou non, entre as persoas. Cando estas teñen un interese común, unha mesma inquedanza, créase un nexo comunicativo, que se é inesperado, engádeselle o ingrediente da sorpresa. Unha emoción que alimenta á mesma conversa e que a fai interesante e atractiva. No Pazo Torrado únense a estas inesperadas conversas nove artistas que entenden e desenvolven a arte a través de diversas disciplinas e dende distintos prismas. A arte vista como unha expresión íntima e persoal (Joana Soto, Encarna Salas, Ana Cancela, Iria Cortizo, Laura Álvarez, Víctor Tomé, Yolanda Ríos, Malú Feijóo, Servando Barreiro). Esta é unha exposición multidisciplinar na que se aborda o concepto artístico dende ángulos moi diferentes e persoais, levando o espectador por unha viaxe de múltiples lecturas e estéticas antagónicas, pero que complementan e enriquecen o noso panorama artístico.