O pop babú cambadés soa na USC

AROUSA

CEDIDA

27 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Leda Atómica chegou á final do primeiro Certame de Música Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xa ten premio garantido, pero o obxectivo agora e conseguir ese primeiro posto que, ademais de gloria, lle reportaría diploma e mil euros. Benvidos serían para este grupo cambadés -catro dos seus integrantes son deste municipio- que aspira a facer da música o seu oficio. «Temos moitos temas, agora temos que pecharnos no local de ensaio e perfilar as actuacións que queremos montar», conta o seu vocalista, Eduardo Apariz, que comparte banda con Xosé Lois Sío, José María Trigo, Sergio Alfonso e Antón Casais. Cantan en galego e en castelán e tocan o que dan en chamar pop babú. De onde sae ese nome?, preguntamos. «É como un xogo dadaísta, é un absurdo», comenta Eduardo.

Tampouco hai que buscarlle explicación a todo. O importante da música é que faga sentir e lle chegue ao público, e vese que «No monte da Pastora» de Leda Atómica conquistou, polo menos, ao xurado do certame musical da USC. Pasada a criba entre dezanove grupos, o luns actúan no Teatro Principal de Santiago nunca gala á que se pode entrar de balde, previa retirada de invitación, na que competirán cos outros dous finalistas: Guille LP e Noemia.

O certame está organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía en colaboración con varias facultades e a secretaría xeral de Política Lingüística.