«Un paciente motivado e informado é un paciente con mellor saúde»

As Charlas Saudables se porán en marcha para achegar a información médica á poboación

.

pontevedra / la voz

A partir do día 19 deste mes, na sede de Afundación na praza de San Xosé, o Complexo Hospitalario de Pontevedra porá en marcha un ciclo de Charlas Saudables, en colaboración co La Voz de Galicia. A iniciativa está destinada a divulgar coñecementos de interese sanitario para a poboación. Serán impartidas por especialistas de diversos servizos que abordarán patoloxías de certa incidencia ás que dan resposta os programas asistenciais específicos do sistema sanitario público. Falamos de todo elo co director xerente da Área sanitaria Pontevedra-Salnés, José Ramón Gómez Fernández.

-¿Cales son os obxectivos que se perseguen con estas charlas, ademais de promover un estilo de vida saudable?

-Este ciclo de Charlas Saudables configúrase claramente como unha actividade de promoción e protección da saúde. Os nosos hábitos condicionan de forma directa o noso estado de saúde. Uns hábitos de vida saudables e unha información básica e de calidade proporcionan aos cidadáns unha cultura sanitaria básica que son a base da prevención das enfermidades. Pretendemos un maior protagonismo dos pacientes na súa saúde e este protagonismo pasa por mellorar a súa información sobre saúde, de tal forma que un paciente informado e motivado é un paciente con mellor saúde.

-¿Que grado de desinformación diría que existe sobre determinadas enfermidades e a maneira de afrontalas por quen as padece?

-As informacións que reciben os nosos pacientes están influenciadas cada vez en maior medida por informacións non suficientemente contrastadas. Qué algo estea online, nunha web, non garantiza nin a súa fiabilidade nin tampouco que estea baseada na evidencia científica. Por este motivo, animamos aos cidadáns a que sempre consulten webs que estean acreditadas. Neste sentido o Sergas, desde a plataforma E-Saúde, é unha canle de información que ofrece aos cidadáns información de saúde e consellos sobre hábitos de vida saudables, ademais de permitir poñerse en contacto coas distintas asociacións de pacientes.

-¿Esa desinformación revela unha deficiente comunicación entre médico e paciente?

-En absoluto. Nos últimos 30 anos a relación médico-paciente cambia de forma máis importante que nos séculos anteriores. O principio de autonomía do paciente adquire cada vez máis relevancia o que obriga a pasar dunha concepción paternalista a unha relación médico-paciente máis simétrica con máis protagonismo do propio paciente. Ao médico pídeselle non só diagnosticar e tratar, senón tamén comunicar e informar ao paciente de cada actuación asistencial á que se somete ao paciente (proba diagnóstica, tratamento médico, cirurxía...).

-¿Cantos facultativos participarán neste programa divulgativo e de que servizos concretos? ¿Está xa ultimado el programa?

-Este ciclo de Charlas Saudables consta de seis conferencias divulgativas dirixidas a todos os cidadáns. As conferencias serán impartidas por persoal de enfermería e facultativo de atención primaria e de atención hospitalaria da EOXI de Pontevedra e O Salnés. O programa está pechado de forma que as charlas comezarán neste mesmo mes de setembro, concretamente o vindeiro día 19, desenlvolveranse dúas charlas cada un dos meses de outubro e novembro e pecharase o ciclo no mes de decembro cunha última charla saudable o día 12 de decembro.

-¿Recurrir a Internet para informarse sobre certas patoloxías é claramente desaconsellable? ¿A sanidade pública dispón de algunha web na que se poda confiar e os pacientes podan aprender a coidarse?

-España é o terceiro país en Europa que máis adopta a e-Saúde, so ten por diante a Finlandia e Dinamarca. No que respecta a Galicia, quixera destacar dous programas plenamente operativos. En primeiro lugar, o Sergas ten en marcha un programa sobre e-Saúde, pioneiro no noso país. A través desta web, os pacientes poden consultar datos no seu historial clínico e poden facilitar dita información en caso necesario a través do seu teléfono móbil e calquera profesional que o estea atendendo en calquera lugar. En segundo lugar quero destacar a escola de pacientes, na que o Sergas potencia o papel dos pacientes e das asociacións de pacientes. Na EOXI de Pontevedra e O Salnés temos un grupo de investigación coa Universidade de Vigo que investiga sobre as aplicacións de e-Saúde nas distintas Areas Sanitarias Integradas.

«Pacientes e familiares poderán compartir as súas experiencias e plantexar dúbidas»

-¿A quen van dirixidas as charlas, principalmente?

-Á poboación en xeral, pacientes e familiares, que poderán compartir as súas experiencias e tamén plantexar as súas dúbidas aos ponentes, todos eles profesionais de prestixio da nosa EOXI.

-¿Cales son as principais patoloxías das que se vai a falar e cales teñen sido os criterios de selección dos temas a abordar?

-O abanico de temas de saúde a tratar neste ciclo de Charlas Saudables é amplo, e a selección fíxose polo interese público, pola prevalencia e pola importancia que ten na súa evolución que os pacientes sigan unhas pautas de actuación definidas: a fotoprotección en Dermatoloxía; os coidados da pel en persoas da terceira idade; o tratamento do Ictus e a importancia da súa cobertura en tempo e modo apropiados; a cancro de colon; a gripe e a súa abordaxe no ámbito da Atención Primaria e a atención e prevención de enfermidades reumáticas.

-¿Acercar a xestión da atención sanitaria á poboación e fomentar a proximidade entre médico e paciente é unha asignatura pendente?

-Cada acto asistencial é a confirmación diaria da proximidade entre médico e paciente. En canto ao acercamento da xestión sanitaria á poboación debemos sinalar que a poboación nos mide polos nosos resultados e valora a nosa xestión dese xeito, non obstante considero que é un ámbito no que precisamos afondar. Non obstante, desenvolvemos actuacións encamiñadas a potenciar dita aproximación. Sirva como simple exemplo que a nosa EOXI ten un programa de Responsabilidade Social Corporativa e de humanización que é finalista nos PREMIOS MEDICAL ECONOMICS, sendo seleccionados entre hospitais públicos e privados de toda España.

Votación
1 votos
Comentarios

«Un paciente motivado e informado é un paciente con mellor saúde»