«Rímonos de todo, empezando por nós»

Ángela Precedo / M. A.

AROUSA

Juan Luis Rúa

A banda galega coñecida polas súas cancións de «rock gilipollas» despídese mañá dos escenarios no festival Ameixa Rock de Carril

01 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo de rock galego surdido en Teo hai nove anos despídese mañá do mundo da música. Pasadas as doce da noite, a praza da lonxa verase invadida da potencia desta banda. Markinhos, voz principal, achéganos un pouco máis a súa traxectoria.

-¿Como foron os vosos inicios no mundo da música?

-Comezamos como grupo no ano 2008. O Ameixa Rock é o último concerto que damos. Todos provimos doutros grupos (Trifulka, Sufridos ou Drinkin’Tinto) e como xa nos coñeciamos decidimos tocar xuntos por diversión. Foronnos chamando para concertos e así nos consolidamos.

-¿Cantos discos tedes actualmente á venda no mercado?

-Temos dous discos. O primeiro que sacamos: Mellorando para peor; e o segundo, que serve para despedirnos e cerrar o ciclo: Empeorando para mellor. Así deixamos as cousas pechadas e despedímonos dos escenarios.

-¿Por que motivo decidides deixar os escenarios?

-Durante todo este tempo puidemos compaxinar a música cos nosos respectivos traballos (profesor, enfermeiro, informático e obreiro), pero xa non nos é posible. Pero non deixaremos de vernos. Estaremos implicados noutros proxectos.

-¿Con que cancións do voso repertorio vos quedariades?

-Hai dúas cancións que son clave. Polo seu valor simbólico destaca Quero ver como te ris, que conta a historia do grupo. E despois Tú y tu tutú, unha canción moi surrealista, demandada e bailada.

-¿En que tipo de rock encadrades as vosas cancións?

-Tocamos «rock gilipollas». Esa é a etiqueta que nos poñen e aceptámola de bo grado. Gústanos rirnos de todo, empezando por nós mesmos, para así poder rirnos logo do resto sen que ninguén se sinta ofendido.

-¿Hai algún artista que vos influíse musicalmente?

-Pertencemos á Xeración Xabarín, algo que nos marcou a todos. Os grupos do programa foron os nosos referentes. Aí descubrimos o rock e, sobre todo, o rock en galego.

-¿Cal foi o festival máis importante no que actuáchedes?

-Tivemos a gran sorte de tocar en moitos e levarnos un bo sabor de boca. Gardamos como algo especial o Rock in Rian, onde tocamos cinco anos consecutivos e onde gravamos o noso DVD.

-¿Qué esperades do concerto de mañá e do público?

-Tan só divertirnos moitísimo e pasalo ben, para que sexa unha despedida por todo o alto, rodeados da familia.