Antón Paz estréase no circuito europeo da segunda división mundial dos barcos voadores

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O vilagarcián faino en Italia, como segundo do «I?m Racing-Movistar» de Iker Martínez

11 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras o asalto sen fortuna ao récord da Volta a Mallorca, co seu M32 avanzando cara a superación do reto ata que unha rotura o mandou a terra, Antón Paz e o resto da tripulación do patrón vasco Iker Martínez inician hoxe unha nova fase no seu desembarco no mundo dos barcos voadores. Coa disputa, nas augas italianas do Lago di Garda, do G32 Riva Cup, a primeira das cinco probas do GC32 Racing Tour, circuito europeo da que é a segunda división internacional dos barcos voadores.

Con 10 metros de eslora e con 6 de manga, o GC32 é un catamarán ao estilo dos Copa América, pero de menores dimensións e con foils máis longos, o que o converte nun barco de maior estabilidade e máis doado de manexar. A súa velocidade tope é de case que 40 nós, cun casco fabricado en fibra de carbono e velas lixeiras one design.

 

O I’m Racing-Movistar, nome do barco de Iker Martínez e de Antón Paz, conta con este último coma trimmer maior, nunha tripulación que completan os tamén españois Fidel Turienzo, trimmer de orzas e de proa, e Fernando R. Rivero, trimmer de génova e código cero, e o portugués Luis Brito, maniobras. O guatemalteco Juani Maegli exerce de adestrador.

 

No horizonte, a pelexa polo podio da Copa do Rey Mapfre, na primeira semana de agosto no Real Club Náutico de Palma, entidade pola que está inscrito o barco no GC32 Racing Tour.