De dobre personalidade

AROUSA

Teño que confesar que me encanta o verán. Que me gusta a praia, o verde dos pinos sobre o ceo azul, a auga un pouco fría. Gozo xogando a parar o mundo cada vez que meto a cabeza debaixo da auga, e divírtome escoitando o ruxe ruxe da xente que anda pola area. Tendo en conta os precedentes, resulta evidente que non imaxino mellor sitio no mundo para pasar estes meses que este noso paraíso con forma de ría. Claro que, cando o verán se viste de inverno, enfádome con el e chego a odialo. E penso, si, en marchar a Tenerife.