COando se cumpre un ano das históricas eleccións nas confrarías de Galicia é un bo momento para reflexionar sobre este proceso, que permitiu que arredor de 13.000 profesionais do mar tiveran a oportunidade de escoller libre e democraticamente aos seus representantes. Volvendo a vista atrás, podemos felicitarnos pola normalidade absoluta e a madurez democrática que presidiu todo o desenvolvemento dos comicios, unhas características que por outro lado poñen de manifesto, tamén, a profesionalidade do sector. O feito de completar con éxito estas eleccións fixo posible que os novos pósitos leven xa traballando todo un ano coa máxima ilusión na defensa dos intereses de pescadores, mariscadores e empresarios. Para a Xunta é un motivo de gran satisfacción que todo saíra ben. Ademais do que representan estes comicios en si mesmos -a elección dos representantes do sector-, son fundamentais porque permiten á Administración contar cunha interlocución máis que necesaria, imprescindible, para abordar os retos que se presentan neste eido produtivo. Para min, persoalmente, como muller e como directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, supón tamén un motivo de orgullo saber que unhas 200 mulleres están representadas nas xuntas xerais. Isto pon de manifesto o peso e a cada vez maior «visibilidade» que acadan no sector. Neste balance positivo hai que sinalar, ademais, que a Federación Galega de Confrarías puxo en marcha xa diferentes comisións para buscar solucións aos problemas que afectan ao mar, o que dá idea do dinamismo e capacidade organizativa do sector, á hora de afrontar o presente e encarar o futuro.