As baixas de Iago e de Rivas obrigan a Piscis a botar man da versión B para a medular
AROUSA
Vixo e Pablo Vázquez perfílanse coma recambios no dobre pivote para a visita deste domingo ás Pontes
18 mar 2015 . Actualizado a las 11:32 h.Complicada semana a que se lle presenta ao corpo técnico encabezado por José Luis Uhía, Piscis. Ao final da mesma agarda unha visita ás Pontes, nun partido fronte a un equipo que vén de gañar os seus tres últimos encontros que o Arousa deberá afrontar sen a súa parella titular no dobre pivote.
Coñecida desde o pasado domingo a baixa de Rivas, o mediocentro de contención, tras completar un novo ciclo de cinco amonestacións, onte confirmábase que a súa parella de baile na medular arlequinada, Iago Pérez, tampouco estará para medirse a un rival directo na pelexa pola última praza con dereito a xogar a fase de ascenso.
Unha ecografía ratificaba o luns que o centrocampista vigués sofre unha microrrotura muscular. Unha lesión que recomenda uns dez días de repouso para evitar o perigo de rematar co xogador sufrindo un problema de maior alcance, con non menos dun mes de recuperación.
Así as cousas, e sobre a base de manter o seu habitual debuxo en 4-2-3-1, Piscis deberá botar man da versión B para reemprazar a medular arousista. Isto é, Pablo Vázquez en tarefas de creación, e Vixo como complemento de contención.
Certo é, ao técnico arlequinado preséntanselle alternativas como a de retrasar a Adrián Camiño ao dobre pivote para acompañar a Vixo ao tempo que dá entrada no triángulo de ataque a un Capelo que, e esta é a boa nova semanal no vestiario vilagarcián, poderá reaparecer nas Pontes logo de dúas semanas de baixa por unha lesión muscular. Xunto a el tamén estará a disposición de Piscis Alfonso, no caso do central tras algo máis dun mes k.o.