Safari de Nadal

Manuel Hermo

AROUSA

14 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos días próximos ao Nadal andamos todos a «caza» polos mercados para abastecernos de peixe e marisco. Procuramos que estes sexan das nosas rías, frescos e de boa calidade. Especies como o camarón, a cigala, a centola, o percebe, a nécora, o peixe sapo, o rodaballo, o linguado -poderiamos continuar coa lista nomeando moitos máis- están presentes nos expositores das peixerías. A todo isto, cómpre ter en conta que a demanda por esta época fai que cheguen a prezos desorbitados e inalcanzables, polo que a busca non é nada doada.

Aínda así a nosa despensa pódese ver ben provista para preparar un suculento menú si planificamos a compra cun pouquiño de antelación. Si optamos pola conxelación, esta debe ser rigurosa, os crustáceos preferentemente cocidos en auga salgada e un toque de loureiro. E o proceso de desconxelación tamén debe ser minucioso.

Tamén podemos optar por especies máis «solidarias» ou as de cultivo, que aínda por ter un prezo asequible poden sorprendernos dándolle renda solta á nosa creatividade culinaria.

O marisco debe ter a cor viva, hai que evitalo se percibimos cheiro a amoníaco. Si se mercan moluscos frescos como mexillón, ameixa ou ostra, estes deben pasar o proceso de depuración e dispor da etiquetaxe correcta indicando a procedencia e a data, e debe ter as valvas pechas. Se non é así, ao tocalas deberían pecharse como sinal de que os bivalvos están vivos. Tanto os que non se pechen ao tocalos antes de cociñalos, como os que non se abran despois, deben desbotarse.

Tamén cabe dicir que nestas datas se cometen fraudes e enganos co mercadeo destes produtos, polo que baixo o meu punto de vista é mellor facer a compra nós directamente, mergullándonos nas nosas boas prazas de abastos, ollando e cheirando o arrecendo do produto. Isto forma parte do safari do Nadal.