«Penélope» xogou con trinta grados no parque da Concha

Susana Luaña Louzao
susana luaña VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Preguntas e respostas, faiados de libros e poemas para coñecer mellor ao autor

16 jul 2014 . Actualizado a las 06:56 h.

Unha mágoa que se programase ás seis e media da tarde, cando as altas temperaturas non invitaban a correr. Porque o certo é que a xincana organizada polo Concello de Vilagarcía para dar a coñecer aos máis xoves a obra de Díaz Castro, realmente pagaba a pena. Pero a escasa publicidade e o tempo rebaixaron a afluencia a un acto que merecía moito máis.

A xincana organizouna a concellería de Xuventude coa colaboración do equipo de Normalización Lingüística, e consistiu nunha serie de xogos espallados polo parque que poñían aos participantes a proba no seu coñecemento da obra do autor ao que este ano se lle dedicou o día das Letras Galegas. Visto o visto, algo necesario, porque algúns non foron capaces nin sequera de sinalar a data no calendario.

Houbo un concurso de preguntas e repostas por equipos. Os máis postos na obra do poeta tiñan que premer un botón para responder e gañar a proba. Houbo tamén unha especie de busca do tesouro. As láminas que se expoñen no auditorio e que repasan a vida e a obra de Díaz Castro reproducíronse e espalláronse polos bancos para que os rapaces foran quen de atopar nelas as respostas ás preguntas que se lle facían. Por último, un faiado de libros invitaba a atopar, entre a morea literaria, as obras do autor chairego.

A xincana organizouse como complemento da exposición que se mostra ao público na entrada do auditorio e que fai un percorrido polas diferentes etapas da vida do poeta. Un dos paneis céntrase exclusivamente nos anos que pasou en Vilagarcía como mestre do colexio León XIII.

Os interesados aínda poden acudir e mellorar así os seus coñecementos sobre o creador do poema Penélope. Se finalmente o concello decide celebrar outro día a xincana -que pagaría a pena- gañar o concurso está ao alcance de calquera.