O verdadeiro ciclismo

Gustavo Veloso CICLISTA PROFESIONAL

AROUSA

27 abr 2014 . Actualizado a las 06:56 h.

Por sorte vaise o mal tempo e xa se pode empezar a gozar do verdadeiro ciclismo, o que a min máis me gusta. Do que che permite facer exercicio, trasladarte dun lado a outro sen ter que coller o coche e sentir esa sensación do vento na cara que non ten igual. Que mellor maneira de estreitar o contacto coa natureza... Afortunadamente, en canto sae unha raiola de sol vese cada vez máis xente subida á bici, desde cativos de catro anos a avós, o cal é moi gratificante para os que vivimos sobre as dúas rodas. É unha actividade barata, saudable e accesible, para a que só hai que ter sentido común. Refírome ao uso do casco. Hai que poñelo, non só porque a lei o esixa. Hai que poñelo porque é o único elemento de seguridade que ten un ciclista para protexerse en caso de golpe, e cabeza non hai máis que unha. Tendo isto en conta, o ciclismo convértese nunha opción vital e de ocio moi recomendable nesta sociedade de presas e contaminación que nos asfixia. A pedalear.