Din algúns ingleses que a hipocrisía -expresar sentimentos contrarios aos que verdadeiramente se teñen- é síntoma de boa educación. A explicación está en que vén sendo un xeito de evitar conflitos, oposto a outro, tan belenestebanesco, de digo as cousas na cara? É posible que o ministro Ruíz Gallardón, nado na elite do poder, que mudou de ser o delfín en aparentar un carraxento vello, queira presumir desa educación, en vez de falar polo claro. Explícome: as reformas que quere emprender na xustiza, que deixa que xa, empregan camiños retorcidos para conseguir a finalidade, sempre tan querida para o Executivo, de neutralizar ao único poder do Estado que non é propiamente político, o Xudicial, pero sen dicir algo tan malsoante.
Un exemplo é o da imposición de taxas xudiciais que, digan o que digan os tribunais, son un obstáculo para o cidadán medio, que impide, dificulta, o acceso á xustiza e está a converter as oficinas xudiciais nunha maquinaria recadadora do poder económico, moi claramente na nosa comarca. O maior número de litixios, por chamalos dalgún xeito, que se están a ver son derivados dos conflitos coas aseguradoras, coas entidades bancarias e, en xeral, cos impagos. Parece que se quixera enlear a xuíces e avogados, garantes da independencia, nesas cousas que non teñen, propiamente, maior discusión xurídica pero son moitas. Trátase, hipocritamente, de traelos entretidos, convertidos, dalgún xeito, noutro brazo executor do poder económico: o poder real, real, que quere conseguir non só ter, como ten, ao Executivo e ao Lexislativo ao seu servizo senón, tamén, domear ao Xudicial. Eu opino, con moitísima educación, que non vai conseguilo.