Terapia para adolescentes con «hip-hop» e en galego

AROUSA

NACHO FEIJOO

Se a música amansa as feras, o hip-hop é o bálsamo para canalizar as preocupacións dos adolescentes. Onte, os alumnos de cuarto da ESO do IES Bizocas deron boa conta delo. Trinta e nove rapaces e rapazas do centro grovense fixeron un esforzo en abrir a caixa de Pandora que garda os seus sentimentos para poñerlle letra a unha base musical. O tema era libre, polo que tiñan total liberdade para expresar as súas emocións. O único requisito era que o fixeran en galego, para fomentar o uso da lingua entre uns estudantes maioritariamente castelán falantes. Para axudarse e perder a vergoña típica destas idades, servíronse duns bonecos que eles mesmos deseñaron con papeis de cores e uns calcetíns. Serxio, máis coñecido como García Mc no mundo do hip-hop, dirixiu o obradoiro impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística baixo o título de Títerehop. O compoñente de Dios Ke Te Crew serviu de director de orquestra tanto como de psicólogo, intentando arrincar aos estudantes as súas inquedanzas.

O paro e o fin do mundo

Cinco foron os temas que saíron á luz como froito do obradoiro, realizado na aula de música. A mesma melodía e unha batería de ideas acenderon o lado máis reivindicativo das novas xeracións: díganse os recortes de Rajoy ou o paro. A piques de rematar a educación obrigatoria, os rapaces do Bizocas mostraron a súa preocupación sobre o seu futuro laboral e o sistema educativo. Tamén houbo outro tipo de reivindicacións mundanais, máis cando hoxe reciben as notas do primeiro cuadrimestre: «O mundo termina nun solo día e así non me pode tocar a Lotería. Todo é culpa dos maias. O último día pasarémolo na praia», rezaba un dos temas. O hip-hop serviu de cazo para cociñar as inquietudes dos alumnos, servidas en galego e con moito condimento.

Nadal no Grove

O programa de Nadal do Concello arranca hoxe, coa entrega dos premios do Concurso de Postais de Nadal, no que participaron preto de douscentos escolares do municipio, seguida dunha sesión de conta contos. Na biblioteca municipal os nenos de Infantil e Primaria poderán participar -previa inscrición- nas Mañás de Nadal durante as vacacións e o Mago Cali actuará o día 27 ás 17.30 horas. A cabalgata de Papá Noel sairá o 24, ás 19 horas, da Ponte da Toxa. O Carteiro Real visitará a casa da cultura o 2 de xaneiro pola tarde, e o día 3 en San Vicente, aínda que este ano os rapaces poderán enviar as peticións por correo electrónico a: reismagos@concellodogrove.com. As Maxestades percorrerán o día 5 a vila, saíndo as 18.30 horas do CEIP Valle Inclán.

Cambados solidario

En Cambados o trineo de Papá Noel estará tirado polos cans da protectora de animais. Sairá de Fefiñáns sobre as 11.30 horas para percorrer a vila. A protectora recollerá xoguetes para Servizos Sociais ese día, entre as 11 e as 14 horas, en dúas mesas, na Praza do Concello e diante de Establecimientos Otero.