«Moitos traballos falaban do paro»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Mestra vocacional, destaca a calidade dos relatos dos nenos

10 may 2012 . Actualizado a las 06:58 h.

Para boa parte dos veciños da Illa, Lola Folgar é «Doña Lola». Gañou ese trato de respecto durante os anos nos que exerceu como mestra no colexio deste municipio. Acostumada a traballar con nenos e maiores, foi membro do xurado do concurso de redacción organizado por La Voz.

-¿Tivo que sacar moito o rotulador vermello?

-Non moito, ou polo menos non demasiado. E sobre todo nos traballos gañadores. En xeral, houbo moi bo nivel tanto na execución dos traballos como nas ideas e nas formas de plantexalos.

-Despois de ler os traballos, ¿atrévese a dicir en que pensan os rapaces?

-Home, houbo moita variedade nos temas. Nalgúns traballos predominou a fantasía. Pero había moitos nos que se falaba do paro, da crise, e iso indica que eses temas tamén lles chegan aos nenos, tamén lles preocupan. Outra cousa que parece que lles interesa son os descubrimentos científicos que permitan solucionar as enfermidades, os males do mundo... A verdade é que algúns dos traballos facían uns plantexamentos que invitan aos adultos a reflexionar. Non todos, a verdade. Neste tipo de cousas, nas que pesa máis a creatividade, nótase moito a entusiasmo que pón o profesor.

-¿Teñen madeira de xornalistas os participantes?

-Pois non o sei, espero que si. A verdade é que houbo traballos que se axustaban moito á estrutura da noticia.

-¿Que importancia ten o xornal nas aulas?

-Eu podo falar por min, polo que eu facía. Eu usábao moitísimo, ben fose para coller noticias e debatir, e que os rapaces estivesen enterados do que pasa ao seu redor, ben para traballar calquera materia. O xornal vale tanto para dar unha clase de lingua como de matemáticas, ciencias...