Competir ou non competir

AROUSA

Agora que as pedras do destino volven xirar, non estaría mal lembrar que a Lei de Portos que deseñou o Goberno Aznar establecía unha feroz competencia entre autoridades portuarias. Dende aquela, sempre que se aborda o tema, os interesados empregan dous discursos contrapostos. Dunha banda, a da galería e o micrófono, falan alto de sinerxías, de cooperación e de compartir tráficos dende a perspectiva dun modelo galego que fomente a convivencia. Pola outra, a que de verdade funciona, as navalladas polas mercancías son brutais entre os cinco portos de interese xeral do país. A reclamación de Pérez Torres ten sinxela solución. Se Vilagarcía cumpriu a legalidade na concesión de Ferrazo, punto en boca, porque o modelo e o mercado son así, e ningún dos grandes partidos fixo nada por mudalo.