Preservar o patrimonio

AROUSA

Hai unha forma primorosa e irreal de mirar polo futuro do patrimonio. Este xeito de abordar as cousas gusta dunha certa parálise no evoluír do tempo. Non tocar nada para que nada mude. Por desgraza, as razóns de quen así pensa adoitan ser esmagadas polo transcorrer dos acontecementos. O radical cambio de modelo económico que a nosa sociedade experimentou ao longo do século pasado converteu as grandes mansións en candidatas seguras á ruína. Moitas aguantaron mal que ben ata que, nalgún momento entre os anos 60 e 70, os pioneiros da especulación fixéronas caer para seren substituídas por mastodontes de formigón. A única salvación posible chegou da parte das institucións públicas. Tal é o modelo, por exemplo, de Cambados. En Vilagarcía aconteceu todo o contrario, mesmo ata hai tres días. Benvido sexa, polo tanto, este proxecto de hotel.