Ás veces as dársenas deportivas parecen illas, desubicadas da realidade cando deberían mirarse como unha instalación de ocio e deportiva, sen outras connotacións. A práctica da navegación, a vela, a motor e a da pesca deportiva, precisan destas grandes instalacións que privatizan dominio público. Esta ocupación provoca cambios en correntes, na paisaxe, no medio ambiente e nos usos humanos. Os portos deportivos fomentan a construción náutica, aínda que a porcentaxe de barcos sexa maioritariamente de feitura de multinacionais. O emprego que xeran é de dubidosa rendabilidade: catro traballadores por cada cen amarres. Como recurso turístico e comercial son residuais: un porto deportivo -son todos iguais- non é un atractivo turístico. Primeiro o atractivo, despois o porto: o navegante atracará se ten a qué ir, e hai en España uns 7,3 millóns de transeúntes de nivel adquisitivo e cultural non pequenos.
No seu desenvolvemento incide a existencia e dinamismo de clubs náuticos. Outra das cuestións é a demanda destas custosísimas instalacións: ¿fanse novas ou amplíanse? En Galicia, cunha media de 200 prazas, parece clara a conveniencia de amplialas. Tendo portos deportivos cunha distancia media de 8 millas entre si, non se poden plantexar como necesidade local, se non habería que preguntarse para que se melloran as comunicacións terrestres, se en todos os sitios hai de todo.
Sen embargo hai dúas grandes necesidades que cubrir: a das embarcacións tradicionais e o fomento do deporte. O problema é que a Administración non asume a cuestión cultural e non se atreve a construír un porto deportivo para barcos tradicionais, malia ser deportivas, de ocio, respectuosos co medio, depositarios da cultura marítima, atractivo turístico, fonte de vida dos estaleiros... O fomento da náutica en Galicia debería seguir o modelo francés: grandes dársenas públicas municipais, abertas, con prezos axeitados, que cumpran como acicate para mantela cultura marítima, o ben común, e o fomento do deporte.