Confianza. Un concepto tan manido como mal comprendido nestes tempos de grave crise económica, que equivale a crise social e temor xeneralizado perante o que está por vir. Moito se fala da confianza e desconfianza dos mercados, dos investidores, do capital e de mil instancias abstractas, deshumanizadas, evanescentes e ameazantes a un tempo. Pero existe un tipo de confianza moito más básico e fundamental. A clase de confianza que xera músculo común, que permite conservar o respecto e a esperanza no esforzo colectivo como único xeito de saír desta poza de inmundicia na que a avaricia duns poucos nos ten mergullado a todos de cabeza. Esta é a forma de confianza que medidas como a que hoxe adoptará o pleno de Vilagarcía contribúen a reforzar. Non hai nada tan crucial para as empresas que subministran os seus produtos e servizos ao Concello que ter a garantía de que o seu traballo vai ser remunerado pola institución máis achegada á súa realidade. Puido haber precipitación, como denuncia a oposición. Puido funcionar a tentación de demostrar ao goberno local que non ten unha maioría suficiente para non ser derrotado, tal e como lamenta a alcaldía. O importante é que, malia todo, a sensatez semella imperar cando a dificultade das circunstancias require adoptar decisións con altura de miras. E esa é unha moi boa nova. Por fin.