Os muros da burocracia

AROUSA

Non fai falla ser Montesquieu para comprender que calquera medida de protección urbanística que choque co sentido común está condenada a fracasar. Unha das premisas sobre as que toda acción política debe construírse -e a conservación patrimonial forma parte desta categoría- para ser non só eficaz, senón tamén apreciada socialmente, é a súa utilidade pública. Noutras palabras, ten que procurar a mellora das condicións de vida da poboación á que vai dirixida. Bastantes atrancos se interpoñen xa entre as persoas que padecen dificultades de mobilidade e o desenvolvemento normal do seu día a día para engadirlles agora o acceso aos cemiterios. Os familiares finados constitúen, no ideario colectivo do noso país, a parroquia dos mortos, fundamental para o equilibrio afectivo da nosa xente. Xa Castelao falaba do absurdos que resultan os muros dos camposantos. Se cadra o home de Rianxo sospeitase que coa dura pedra da burocracia é posible erguer un valo aínda máis infranqueable cós de granito.