Arriba os trabucos

X.A. Ochoa

AROUSA

22 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Seguramente xa non me entenderán, nin sei se se dirá así, mais hai tempo, os trabucos eran os impostos pero, claro, non esquezamos que un trabuco, comunmente, tamén vén sendo un arcabuz. Así que no Grove erguen os trabucos. A ver cales. Non cabe dubidar que a lexitimidade que deron as eleccións municipais aos gobernos locais fai presumir que actúan con responsabilidade e, nestas cousas sempre é así, de xeito independente da ideoloxía, polo que non se poderá dicir que a medida sexa de dereitas ou de esquerdas, senón relativa a un xeito de xestionar. Nun lugar como Galicia o IBI e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica afectan á inmensa maioría dos cidadáns porque todos posúen un dereito real sobre un inmoble ou son titulares dun coche e, por iso, podemos dicir que aquí son impostos que teñen unha base case universal e, polo tanto, cunha moi clara influencia á hora de votar nas eleccións e, tamén, dunha certa xustiza, por canto inmobles e coches provocan a maioría das necesidades de actuación das administracións locais. A suba anunciada é moderada e non parece que poida servir para solucionar ningún dos problemas financieiros do Concello e, ademais, por esa base universal, resulta impopular en período preelectoral e, seguramente, cunha transcendencia política que excederá do pequeno ámbito municipal. Unha política fiscal non se pode basear e valorar só pola presión fiscal, senón polos servizos que recibe o cidadán. É o prezo que pagamos pero nunca se entenderá unha suba de impostos sen mellora nos servizos; no fondo é, como todo, un do ut des. Así que suba, pois si. Pero ¿a cambio de que? ¿Para que mellora? Porque, claro, se non hai incremento dos servizos o significado de trabuco adaptarase mais ó de arma empregada por bandoleiros nun asalto. Seguro, seguro que non será así e que a vontade será a de mellorar a vida dos grovenses. A ver.