Da tatuaxe

X.A. Ochoa

AROUSA

28 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando contei o da namorada de Porviso ?bicicleta, panamá, presumida e el en substancia do marido- esquecéuseme mencionar o da tatuaxe: unha peripecia. Porviso aparecéranos cun retrato dela dun estilo beatnik, moi propio para gravar na pel: melena enriba dun ombreiro, a ollar de esguello, chapeu na man e vestido largo. Nada orixinal, pero, para o que a quería, a foto perfecta. Pretendía amosarlle á amiga unha tatuaxe dela o día da Festa da Malla, como proba plena de amor. Así que tiramos para Santiago co noso Porviso transmutado, con todo o respecto que é boa xente, no futuro cornán. Porviso pasou moi incómodo todo o traxecto, non ía seguro de que fose boa cousa; non lle acaía ben asumilo corpo, os xeitos e a fala do outro, tanto tempo e coa súa muller. Con remorsos, puxo proa avante. En Compostela trazáronlle a fotografía, así o quixo el, no peito, á esquerda, nada novo tampouco, pero, aparte da explicación, vulgar, de que ela entendera que a levaba no seu corazón, tamén aclarou que só lla vería en espíndose. Mandou, ademais, que gravaran o sombreiro e a bicicleta en cadanseu antebrazo para que lucisen á vista, como engado. Pagamos nós e saíunos todo nunha chea de cartos porque ordenou debuxalas tatuaxes a cor. No día da Festa conseguiu pasear con ela polo areal do Carreiro, ver xuntos o solpor no Castriño e, á fin, a do panamá sentiuse aloumiñada, adulada e derreteuse ao descubrila tatuaxe no peito. Ao noso Porviso non lle chistou moito que toda aquela noite, que pode que chegase a ser marabillosa, ela pasáraa gabando o debuxo: que ben colocado, que natural, que talmente. O congro descoñecía entón que as tatuaxes ían permanecer indelebles pero, como é lóxico, na pel do home dela e, parece ser que, agora, valen para mantela namorada.Tanto trasfego para nada. Ademais disque a presumida non para de acariñarlle o peito ao home, de seguido, en público e en privado, sen pudor e os da aldea non fan mais que virlle a Porviso co conto de que anda colgada del. Fai uns días presentóusenos Porviso cunha morea de billetes, húmidos, con cheiro a friúra, a preguntar se alcanzaría para as varias sesións de láser precisas para eliminalas tatuaxes, que segundo el, convertéranselle en estigmas. Volvemos a Santiago e ía tan contento polo camiño que nos describiu á súa nova princesa, tamén casada, e que xa empezaba a idealizar. Sen embargo, insistiu en que as sesións fosen sen anestesia e que lle gustaría que doesen moito, deran quentura e un proído insufrible. Pareceume un pouco ruín.