Remo e Mexilón irmánanse este domingo en Vilaxoán

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A Liga Galega de Traiñeiras 2011 botará o peche este domingo co porto de Vilaxoán coma punto e final por segundo ano consecutivo. A Bandeira Concello de Vilagarcía, na súa decimosétima edición masculina e segunda feminina, coroará o veciño Amegrove-Interrías coma emperador da categoría raíña do banco fixo autonómico, repetindo tamén o desenlace da tempada pasada.

Onte, no consistorio de Ravella, o presidente do C.R. Vilaxoán, Feliciano Suárez, presentou a Bandeira Concello de Vilagarcía acompañado polo concelleiro de Deportes, Luis Garrigós, e máis por Manolo Sobradelo e Joaquín Rubio en representación da Asociación de Mexiloeiros Vilaxoán. A presenza destes dous últimos vén a conto pola celebración, no parque de Dona Concha o domingo ao mediodía, da primeira edición da Festa do Mexilón en Vilaxoán.

A iniciativa, organizada como no caso da Bandeira polo C.R. Vilaxoán, pretende ser unha nova fonte de financiamento para o club deportivo, que con esta intención pensa na festa gastronómica con ánimo de continuidade. A asociación local de produtores doa o mexilón, certificado coa Denominación de Orixe Protexida, que será presentado polo C.R. Vilaxoán en forma de cinco tipos de tapas a 3 euros cada unha: en escabeche, vinagreta, empanada, ao vapor e ao remo. Esta última, unha receita que a sociedade deportiva quere manter en secreto ata o domingo. Os organizadores agardan vender uns 1.600 quilos de mexilón, nunha degustación amenizada con música de gaitas e pandeiretas, con concurso de tapas e unha ruta turística marítima incluídas. E no cartel, unha referencia a 1945, ano da instalación da primeira batea galega, en Vilaxoán.

No tocante á Bandeira, Feliciano Suárez comentou que o C.R. Vilaxoán baralla reducir das cinco rúas habituais a catro «para aproveitar o balizamento do Campionato Galego de Traiñeiras» organizado polo club vilagarcián a finais de xullo. Sería unha maneira, explicou, de aforrar custes, traducida en dúas primeiras quendas lanzadas de tres barcos, e outras tantas en liña con catro traiñeiras en cada unha.

O presidente do C.R. Vilaxoán aproveitou o acto para salientar unha vez máis a aposta decidida da entidade polo traballo coa base, recompensado cun dos saltos de nivel dunha traíña máis espectaculares que se lembran no remo galego.