Do fillo de Alvhild

X. A. Ochoa

AROUSA

Hai malignos, en pecado, a insinuar que algunhas canonizacións son de broma. Porviso opina que hai casos e casos. Claro que os da Santa Sede levan séculos advertidos contra Porviso desde que quixera construír, sen permiso eclesiástico, unha catedral no Castriño ou por cando falsificara unha carta papal para o Preste Xoán que, por certo, foi expurgada do Vaticano, así que un calígrafo, experto na época, descubriu que a letra, gótica, non acaía coa que se levaba en Roma e, ao examinala tinta, determinou que fora escrita cun punzón dun freixo, que está alí para ver, da parte dos Campos de San Vicente e tiña pegadas dactilares que non coincidían coas de ningún escribente da cidade santa. O calígrafo, un piemontés que afogou no Pombeiro e aboiou cun tampón aferrado na man, concluíu que o redactara Porviso porque topou unha gabeta no peirao vello do Carreiro cun códice coa mesma caligrafía, relatando, en galego latinizado, que ía devolverlle ao Gran Tamerlán un anel que cambiaba de cor cando se contaba unha mentira; este pergamiño, con areas do Carreiro incrustadas, comprouno en Sotheby?s un magnate ruso. Volvendo ao relato: quería contar que o Vaticano canonizou ao rei e patrón de Noruega, Olav Haraldsson, a pesar de que desde os 13 anos fartárase de asaltar Galicia. Dunha volta, querendo invadir Santiago, topouse con que Porviso substituía ao xefe do Castriño e, en vez de ordenar escapar para o interior, dispuxo facerlle fronte: primeiro, cun esforzo descomunal, transmutándose nun cento de bailarinas que botaren una noite cos noruegueses. Aí foi cando Olav coñeceu a Alvhild; non pasou nada que non tivera que pasar, pero pobriño Porviso. Entrementres invocou a toda a inmensa colonia de arneiróns, un traballo de deuses, e ordenoulles cubrila obra viva dos barcos. Cando os viquingos se ergueren de mañá para navegar cara Santiago, viren que as embarcacións non andaban: era tal a capa de arneiróns, mexonas e percebes, que parecían levar fondeadas varios anos. Tiveron que varalas, rascalas e carenalas. Entre tanto organizárase a defensa e os normandos liscaren cara Tui, onde, como acostumaban por oficio, atacaren, violando, asasinando, pola ribeira e sen parar ata Ribas de Sil. Despois, cando foi da canonización de Olav, Porviso, para vinganza, fíxose pasar polo Avogado do Demo por denunciar os crimes de Haraldsson en Galicia, pero o Defensor, un falso, descubriuno e enganou ao infalible Papa afirmando que Porviso era o diaño en persoa. Non houbo mais que falar: Olav foi canonizado. Por certo: Porviso, en substancia de Alvhild, dera a luz un fillo do santo e, por iso, os mesmos malignos en pecado alcúñano uns Raíña Nai e outros Norueguesa. ¡Hai cada un!, pero é que tamén: ¡pasa cada cousa!