En paralelo ao Campionato de España de Pista de Jóvenes Promesas, para categorías infantil e cadete, en Narón disputouse o pasado sábado o Campionato Galego Alevín e Benxamín. O Náutico Firrete levouse o título por equipos, con 1.815 puntos, coas Torres-Romaría Vikinga facéndose co subcampionato, con 1.551. O Ría de Aldán rematou terceiro con 1.351 puntos, co Portonovo cuarto con 1.232, o Breogán do Grove quinto con 1.232 e o Náutico O Muíño sexto con 1.058. O Piragüismo Cambados asinou a decimoquinta puntuación -de 24-, 475, e o Liceo Casino de Vilagarcía a decimosexta, 472. Carla Frieiro, en Dama Benxamín K-1, e Anxo Susavila, en Alevín A K-1, proclamáronse campións das súas categorías, con José Carlos Barral, do Muíño, acompañando co bronce a este último. Víctor Arufe, do Liceo Casino, tamén se colgou o ouro, en Benxamín K-1, con Daniel Ferro, das Torres, terceiro. Pratas foron Aitor García (O Muíño, Alevín B K-1), Antía Naveiro (Breogán, Dama Alevín B K-1) e María San Miguel (Cambados, Alevín A K-1).