Beiras chama a militancia a evitar o «suicidio» do BNG

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O voceiro de Encontro Irmandiño convoca na sala do auditorio a históricos membros do Bloque en Arousa

21 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Na traxectoria do nacionalismo galego contemporáneo danse dous momentos fundamentais. Un é o do abalo, o medre propiciado pola constitución, en 1982, dun instrumento sen apenas parangón nos concertos español e europeo, capaz de condensar as arelas transformadoras e recoller as necesidades do pobo galego. Outro é o da deleiba na que esa mesma organización se mergulla vinte anos despois da súa fundación, coincidindo paradoxalmente co seu ascenso ao poder autonómico e unha paralela sangría electoral. Esa forza é o BNG e esta tese é a que dende hai xa tempo abondo defende Xosé Manuel Beiras, hoxe portavoz nacional de Encontro Irmandiño.

A asemblea de outono

Presentado por Ramón Mouriño, Beiras falou o martes para un razoablemente cheo salón de conferencias do auditorio municipal, en Vilagarcía. A mensaxe era clara. O nacionalismo asómase a outro momento fundamental: a asemblea que o Bloque vai celebrar en outubro. Esta é a derradeira oportunidade, anunciou quen, quéirao el máis o menos, puxo face e cartel ao ascenso do BNG entre o electorado galego, de recuperar aquel instrumento útil, democrático e asembleario. Grazas ao labor do Encontro Irmandiño, lembrou Beiras, na asemblea poderán participar todos os militantes, facendo un aceno a quen non este afiliado pero queira participar, porque calquera que se incorpore á organización ata finais de agosto terá dereito a participar na conclave.

Se a organización, «esclerotizada, dominada polo pensamento único», sen capacidade de autocrítica e prescindindo de tantos dos seus militantes históricos non é quen de mudar, o EI sentirase libre para «navegar en mar aberto». Pero os seus responsables son perfectamente conscientes dos riscos que algo así suporía non para o Bloque, senón para Galicia: ter que retroceder ata niveis anteriores aos acadados polo BNG e deixar que os consellos de administración das grandes multinacionais sigan guiando o destino dos pobos sen ningún control democrático. «Os dereitos que no se exercen, pérdense», advertiu o antigo voceiro nacional do Bloque. E algo saberá Beiras desta lea logo de tanto tempo.