A Perla, probablemente xa o saiban, é un bar como teñen que ser os bares. Tapa xeitosa coa consumición, fútbol cando hai partido, campionato de tute escoba con cea coma colofón e conversas de altura que en ocasións se mergullan ata o fondo da madrugada con debates tan apaixonantes en xogo como a calidade da arte etrusca ou a autoría de determinada sentenza filosófica. Dende hai varias semanas a temática das paroladas ten moito que ver coas eleccións. Os parroquianos reflicten perfectamente a diversidade da política vilagarciá. Hai quen apostan pola experiencia dun home como Modesto Pose e quen ven en Fole un cambio necesario. Algúns traballan a prol dun paso por Ratón. Que llo digan a Valentín. Fajardo ten os seus incondicionais. E Rivera Mallo se cadra remate pescando tamén algún que outro voto neste caladoiro da rúa Ramón y Cajal. O conto é que A Perla ten, dende principios desta semana, a súa propia porra, na que o persoal vai anotando as súas predicións para o día de Santa Rita. De momento a quiniela dispón dunha ducia de participantes. Ningún deles augura unha maioría absoluta, e só un aposta pola posibilidade de que ao PP e a Ivil lles dean as contas para gobernar xuntos. Todas agás dúas ven os conservadores como a lista máis votada, unha fala dun empate técnico cos socialistas a 8 concelleiros e outra mesmo concede graciosamente representación a Converxencia Galega e a Esquerda Anticapitalista. Por se lles interesa, saiban que os abanos posibles son os seguintes: PSOE 4-8; PP 4-9; BNG 3-6; Esquerda Unida 1-5; e Ivil 1-2, se ben cinco das apostas atrévense a postular que os de Rivera quedarán a cero. Aínda queda tempo para acertar.
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||