A primeira é do candidato

AROUSA

Hai xa doce anos, un afamado candidato mitineaba no bar da praza de Castroagudín. Logo de arengar aos seus incondicionais, o noso home achegouse á barra, pagou unha auga con mil pesos dos de aquela e graciosamente cedeu o sobrante á casa: «Quédese con la vuelta, querida amiga». O venres á noitiña, o veterano aspirante á alcaldía rendeu a súa tradicional visita ao Bar Filipino. Cando alguén pretendía sufragar a consumición, a taberneira negaba coa cabeza e informaba de que a primeira volta corría por conta «do señor Rivera». En Faxilde, a comezos da segunda década do terceiro milenio, o convite custoulle ao líder independente o dobre do que desembolsara en Castroagudín cando o século XX agonizaba. Quérense dicir con estas liñas dúas cousas. Primeira, o custe da vida duplicouse dende a chegada do euro ás nosas carteiras. Segundo, as campañas pegadas á rúa, nas que o petitorio se deixa tocar pola xente e mesmo se arrisca a recibir os seus reproches, adoitan dar mellor resultado que as iniciativas emprendidas dende os despachos.

Comprobarán, polos datos da enquisa que hoxe publica este diario, que os dous principais partidos de Vilagarcía marran nos seus obxectivos. Un deles, porque non lle chega o abalo para gobernar. O outro porque non logra frear a sangría que padece dende hai xa tres citas electorais. Uns e outros amosan un elevado índice de indecisión entre o seu electorado de hai catro anos. Toca patear prazas e camiños.