A Copa de España de 200 e de 500 metros que esta fin de semana debía celebrarse no encoro pontevedrés de Verducido podería quedar definitivamente anulada se hoxe se repite o forte vento que onte obrigou a suspender case todo o programa para embarcacións individuais. Nin unha soa final se puido disputar na primeira xornada da cita estatal, o que levou a Real Federación Española de Piragüismo a suspender definitivamente o programa de 500 metros e a concentrar na mañá de hoxe todas as eliminatorias e finais de 200 metros, tanto individuais coma dos barcos por parellas.
Nas modalidades individuais só as Damas Sénior K-1 estaban pendentes de decidir os nomes das nove finalistas, co resto das regatas contrarreloxios e semifinais resoltas na véspera antes de que o aire en Verducido obrigase a parar.
Oliveira, a punto de ir a pique
Entre os clasificados para as finais de hoxe está o canoísta cesureño do Náutico Firrete, André Oliveira, que onte gañou a súa contrarreloxio e máis a súa semifinal. Nesta última, e tras varios intentos de saída abortados polo vento, chegando moi xusto á meta baixo ameaza de afundir pola cantidade de auga que lle entrou na piragua.
Entre os nove finalistas, ademais de Oliveira, loitarán polo triunfo no C-1 200 catro arousáns, os grovenses Tono Campos e Jacobo Domínguez, Diego Romero, das Torres, e David Maquieira, do Muíño. Os cinco sabendo que a vitoria hoxe xa non dará o pasaporte español para o Europeo Absoluto, que pasa a decidirse nun selectivo a comezos de xuño.