«En Ribadumia hai medo e presións, pero non democracia», di o socialista
10 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Cunha lista totalmente renovada, moita xente nova e unha boa implantación en Barrantes, os socialistas pelexarán por recuperar a súa representación en Ribadumia con Pereira como cabeza de lista.
-Moito se falou dos independentes e o PSOE.
-O que pasou é que un bo día apareceu un señor na miña casa falando de que tiña moi boa xente para unha candidatura. Foron falando no nome do PSOE sen ter negociado nada con nós. E diso nada, non vai ninguén na nosa lista que pertenza aos independentes. Eu estou moi orgulloso da xente que está no noso equipo, xente nova case toda, con moita ilusión e moito futuro. Por primeira vez en moitos anos subimos o número de afiliados. E foi difícil porque en Ribadumia funciona o medo.
-¿Hai medo?
-Hai medo e presións, pero non democracia. O que máis me amola é que vaian en contra das persoas. Louzán vai a un sitio e non pregunta se es de Sisán ou de Cambados, o único que lle interesa é se ti es dos deles ou dos outros. Todo o que se fai aquí é para amarrar a xente dende o PP e para beneficio do PP. Empresas, obras, todo. Co Plan E mandaron os carteis ao medio dos carballos, pero canto puxeran os do Plan Galicia de Aznar se os deixabas colocábancho na cabeceira da cama.
-¿Que é o primeiro que faría se fose elixido alcalde?
-Unha auditoría do Concello. As contas non son públicas. A Deputación está por detrás de todo, tanto que o día que desapareza Louzán da presidencia non imos poder manter tanta instalación para a galería. Aquí só se traballa co PP na cabeza. Os veciños de Sisán mercaran un terreo para facer un colexio. Ao final se fixo en Barrantes, e na propiedade veciñal levantaron un pavillón. Cando quixemos facerlle unha homenaxe a don Herminio polos seus cen anos non nos deixaron, dicían que se rascaba o solo. Será que en Barrantes o Tinto non rasca. Agora, aínda por riba, queren colocar un depósito de gas no xardín do preescolar. Cando levas moito tempo gobernando son lóxicos os vicios, pero isto é un escándalo.
José Antonio Pereira Rodríguez
16 de novembro de 1960, Cambados
Chofer
Casado, ten dous fillos
Número 2 no 2003 e o 2007, encabeza a lista por primeira vez. É o militante do PSOE máis antigo de Ribadumia