E por arriba, o Céltiga loitará por poder xogar a promoción dos terceiros

La Voz

AROUSA

A conclusión das Ligas de Segunda B e de Terceira, e o que aconteza esta fin de semana na Preferente Sur, aclararán moitas cousas de cara a derradeira xornada nesta última categoría. Pero antes, todos e cada un dos dez partidos da penúltima xornada da Preferente Sur se presentan como unha guerra total na que non haberá un só equipo sen algo substancial en xogo.

Á marxe dos dez conxuntos coa categoría en perigo, co Cambados (43 puntos), Ribadumia (47) e Arousa (49) metidos no fregado, os dez cadros restantes da Preferente Sur precisan gañar esta semana. Por abaixo, o pechacancelas, A Peroxa, para despedirse da categoría con alomenos un triunfo a costa do Cambados, e o Arenteiro para darse o gusto de superar o Verín no derbi ourensán. Por arriba, o Lalín quere o punto que o faga campión e non verse sorprendido polo xa tamén ascendido Sanxenxo.

E entre o Nigrán (61 puntos) e o Cruceiro do Hío (56), en xogo unha terceira praza na clasificación final con dereito a disputarlle ao terceiro da Preferente Norte o primeiro ascenso ante hipotéticos saltos de equipos galegos á Segunda B na vindeira promoción da Terceira. E nesa media ducia de equipos acotados entre Nigrán e Cruceiro figura un Céltiga (58 puntos) que baixo as ordes de Núñez se transformou nun equipo demoledor, cunha serie de oito triunfos e dous empates, incluídas seis vitorias nas súas últimas comparecencias.