Acampaña xa está entre nós. Coa súa ladaíña de promesas e compromisos, a súa dose de munición e reproches, os seus mítines rituais, os paracaidistas de cada catro anos. Entre os once municipios que conforman a beira sur da ría de Arousa escolleremos 157 concelleiros. Mentres, no mundo real, o gasto público segue estrangulado, o emprego cae coma bombas nos xardíns de Gadafi e as víboras financeiras continúan afiando os dentes pensando en meterlle man ao botín español. Temos aínda marxe para facer as cousas ben e tentar unha mudanza de modelo ben deseñada, cunha secuencia de longo prazo que permita afinar a eficiencia das diferentes Administracións sen provocar desastrosas convulsións. Porén, este debate imprescindible está ausente das eleccións máis próximas ao cidadán, coma se este proceso non tivese nada que ver con alcaldes e concellos. Os mesmos que nos din que isto é outra cousa, paisano, comicios na distancia curta, nada de alta política, aproveitarán logo os resultados para tirar conclusións grandilocuentes. Que se o PP gaña a súa primeira batalla, que se o PSOE aguanta mellor do que se pensaba, que se o BNG non se esfarela e resiste. Como somos mandadiños e eles teimudos, farémoslles caso sen lembrar que un día de abril, hai xa 80 anos, foron unas eleccións municipais as que o cambiaron todo. Agora, polo visto, teremos que agardar a que o alemán peche a billa.