«O alcalde non fixo nada; necesitamos atraer empresas»

Xurxo Melchor
xurxo melchor VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A socialista di que en Meis aínda faltan os servizos máis elementais

03 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai catro anos, Marta Giráldez anunciou a súa candidatura polo PSOE en Meis dúas semanas antes de que comezara a campaña electoral. «Foi un pouco a correr», admite. Porén, os resultados, con tres concelleiros, non estiveron mal. Agora, con catro anos de experiencia e un traballo feito, considera que as perspectivas dos socialistas son mellores no seu concello.

-¿Como se presentan as eleccións para vostedes?

-Pois eu creo que nestas eleccións o PSOE consolidará e incrementará a súa representación no Concello. Temos catro anos de traballo moi serio que os veciños de seguro que saberán aprezar. Aínda que non sempre é doado que se visualice o traballo político.

-¿Periga a maioría absoluta do PP?

-Nótase o descontento co alcalde, porque teñen pasado catro anos e todo segue igual ou peor. Hai moito paro, con máis de 580 persoas sen emprego, e o alcalde non fixo nada.

-E por riba o polígono Barro-Meis agora resulta que é ilegal...

-Pois si. Aínda que o alcalde diga que a sentenza xudicial só lle afecta á parte de Barro. Pero a realidade é que isto vai retrasar aínda máis un proxecto que é necesario.

-¿Cal é a súa relación co alcalde, José Luis Pérez Estévez?

-Unicamente a de compañeiros de corporación. El apártanos de todo tipo de decisión. En Meis nunca xamais houbo, por exemplo, unha comisión para analizar calquera asunto na que na oposición tivera voz. No persoal, pois direi que é unha relación correta e nada máis.

-Pero parece que o alcalde non dá saída ás súas mocións. Que as acumula e as debate no pleno cando lle da a gana.

-Si. É lamentable, pero é así. No derradeiro pleno había acumuladas seis ou sete mocións nosas e unha era do mes de setembro, na que o PSOE propuxo a creación do Centro de Información á Muller (CIM). E o peor é que logo vende como súas as nosas propostas.

-Non parece unha actitude moi democrática...

-Non, a verdade.

-¿E é legal?

-Cando menos é moi pouco ético. Nós actuamos de xeito diferente e se temos que votar a favor dunha proposta do PP, facémolo.

-¿Cal cre que foi o maior fracaso do alcalde?

-Foron moitos. En economía o emprego, no social o centro de día e en deportes que seguimos sen ter as instalacións que se anunciaron e que non só non se comezaron, senón que son contrarias ao PXOM.

-¿Que sería o primeiro que faría se fora alcaldesa?

-O primeiro, crear emprego.

-Non é doado...

-Non, pero é que o alcalde non fixo nada. Necesitamos solo industrial para atraer empresas. E se non é no polígono porque é ilegal haberá que buscar outro espazo. Tamén propoñemos aproveitar a feira do gando e crear nela unha escola obradoiro. Do noso programa tamén destaco a creación dun centro de día e a creación dun hipódromo para dar servizo a toda a comarca. Pero en Meis aínda faltan os servizos básicos como o saneamento, a auga, o alumeado ou a rede viaria.

Marta Giráldez Barral

15 de marzo de 1977, en Meis

Avogada

Solteira

Esta é a segunda vez que se presenta como cabeza de lista do Partido Socialista en Meis e hai catro anos que é concelleira