Os fomentadores, negociando coa Igrexa, infestaren San Vicente con salgas, dende Moreiras ata o Espiño, máis da ducia, todas de magnífica cantería, sen deixar praia libre. Unha etapa triste. As mulleres cheiraban a salmoira e saín, regos de salmoira e saín ferían as praias, os homes ían enzoufados en salmoira e saín e, por máis, encharcados de caña; o mar, permanentemente, ateigado de xente a atufar a salmoira e saín. Ninguén aturaba que as mozas, que non arrincaren o fedor a salmoira e saín en tres xeracións, andasen metidas nos píos día e noite e durmiran apestando a salmoira e saín. Porviso odiaba aos fomentadores: ocupáranllelos seus mellores areeiros, abusaban, pagaban escaso xornal en vales para consumir nas tendas deles, e, tantas veces, co soldo en especie: augardente; e sentiuse na obriga de argallar unha solución. Fíxose pasar por arcebispo, que se lle daba moi ben e convenceu ó dono do almacén da Barrosa para armar unha xávega que pescaría toda a sardiña do mundo e así foi que mandou vir de Terrasa dúas cordas de esparto de case catro mil metros, dous aros coma os dos toneis da salga dun radio de cen brazas, tres millas de rede moi mesta e tres mil chumbos de quilo. O congro roubouno todo, colocou un aro no Con da Corva e o outro na Pedra de Pegar, amarrou neles os cabos unidos pola rede, un entre augas e o outro lastrado e pechou a boca da Ría, entre Sálvora e San Vicente. O esparto aguantou sete anos, que botou o congro no Rodal das Figueiras amestrando á sardiña para que só nadase polo mar libre, como aprendeu daquela e fai hoxe; as sereas axudáronlle póndose a cantar para que os bancos de peixe fosen detrás delas e, claro, atendendo ao congro. Nese tempo as traíñas, que non foren quen de acabaren coas dornas, non se atrevían a saír a fóra, recorrían a Ría coma tolas, pero era calote diario non sendo por algún pataguillón que se coaba pola rede. Sen sardiña, arenque nin xouba non había salga e, pouca a pouco, os almacéns derruírense. A pexa foi polos San Xoán deses anos, pero, visto de hoxe, que xa ninguén atufa a salmoira e saín, quen repara niso.