Da autonomía

X. A. Ochoa

AROUSA

Un dos amigos de Porviso, da parte dos Coupríns, foi o máis trampón que se recorda; listísimo: dicía que para falar do que pasa no mundo prefería calar e, por iso, porfiaba que só importaba o que non acontece. Aos veciños gustáballes parrafear con el, coma quen vai ao teatro e buscaban tirarlle da lingua. As súas mentiras nunca referían miserias, nin desgrazas; qué va: sorprendía co que se lle ocorría, sen máis. De neno tenme metido moitas trolas. Era toparme e contar que na mocidade fora zapateiro en París e prometía, mil veces, facerme uns zocos de home con fibela, que, claro, nin vin, nin el sabería compoñer. Dunha volta, estando polo Pousiño a alindalas vacas, esixiume, de repente, calar e escoitar. Nada percibín; despois de manterme un bo cacho en silencio, preguntoume, moi quedo, se non oíra algo. Pois non, debeu ser a resposta. Mandoume pór as mans en paralelo, coa orella no medio, que as dirixise cara Vilagarcía e que atendese. Cumprín. Botei así un intre, longo de mais. «Nada?». «Non», dixen. Cun certo enfado, soltou: «Pois vaia barullo: o tren chegou a Carril cargado de galiñas a cacarexar e, no último vagón, os ovos chocos escacharen». No tocante ao oído afirmaba escoitar crecer o pelo e que o máis estrondoso era o do teixugo, tanto coma o do cachourizo, que medra quince días despois de enterrado e que os calvos conservan o ruído. Doutra vez, polo Carreiro, mandoume ollar cara á Curota. Fíxeno. Preguntoume desafiante: «E verás ao cura de Carreira a mexar nun niño de carriza?». Respondinlle. «Ver, vexo os ovos secos», el riuse e desde esa só me contou novas que, disque, sentira na radio. Unha temporada tívoas tesas con Porviso, por presumir de saber o laño do maior congro do mundo e de que cando quería comer del tiráballe un toro, cargábao no carro e tiña congro para o mes e que o levaba facendo desde que volvera de Francia. Porviso, receoso, foi onda el e, claro, narrouno tamén con todos os pormenores e ao describir como cortaba un toro coa gadaña cada novilunio, Porviso, inconscientemente, de esguello, mirábase o rabo.