ai algúns anos, un político popular, un fenómeno que exercía nalgún lugar da provincia de Lugo, enunciou unha fórmula maxistral para a xestión do patrimonio arqueolóxico deste país: «Que cada Concello diga que cousa quere conservar, que se invistan cartos para poñela bonita, que a visiten os turistas e no resto que non dean máis a lata e nos deixen obrar en paz, porque en Galicia non hai maneira de que entre unha máquina sen atopar unha pedra vella». A simplicidade aplicada a problemas complexos adoita rematar en descalostres polo estilo. Non son técnico na materia, e ignoro se abrir unha xanela no chan de Arcebispo Andrade para exhibir dous metros cadrados dunha antiga pasarela ten máis senso que facer o mesmo na rúa Rey Daviña para amosar que aló, debaixo do empedrado precozmente verdescente, houbo en tempos un brazo de area. Pero si chego a adiviñar que en Vilagarcía falta un plan serio de interpretación da Historia do municipio, e que sen un deseño ben meditado, que englobe e dea sentido contextual a pontes, vellos pasaxes e castros tan desperdiciados coma o de Alobre, ao que nin sequera se lle ten dotado de accesibilidade en condicións, o máis probable é que acabemos facendo realidade peores desfeitas cás daquel concelleiro lucense do conto. Por certo, os petróglifos que o lume desentrañou no cumio do Xiabre seguen absolutamente ignorados. Calquera día un tractor os levará por diante e catro milenios ao garete. Total, pedriñas veñen e van.