Vilagarcía volve saudar o ano novo ás doce da mañá cunha festa en Ravella na que non faltarán as uvas, o cava e a música
30 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Se os meteorólogos non erran, parece que mañá non choverá. Así que os arousáns poderán aproveitar e celebrar o aninovo como xa vén sendo tradición en Vilagarcía, ás doce da mañá. Esta festa, que cumpre xa doce anos, volve xurdir dos despachos da concellería de Xuventude co obxectivo de darlles aos amigos a ocasión de celebrar xuntos a entrada do ano. Así o explicaba onte a concelleira do ramo, Ana Lorenzo, quen recalcaba o que é un dos principais atractivos desta festa: «Aquí séguense conservando as ceas en familia. Facelo ás doce do mediodía permite que o poida celebrar xunta xente que de noite non pode estar».
Esta iniciativa que leva a Vilagarcía aos noticieiros de todos os canles televisivos celebrarase, coma nos últimos anos, na praza de Ravella. Se ben naceu na praza de Galicia ao compás das horas do reloxo de Caixanova, desde o 2007 a entón nova corporación decidiu que fose no entorno do Concello e co son do restaurado reloxo do edificio consistorial.
Polo tanto, desde as once da mañá de mañá comezarase a ver movemento en Ravella. A concelleira invitaba onte aos veciños a acudir a esta celebración e a facelo con anticipación, para que a entrega das uvas non sexa precipitada. Desde as once comezaranse a repartir as bolsiñas coas froitas nas tres carpas que se instalarán na praza. O Concello terá preparados tres mil envases de uvas, ademais de cava, zumes e produtos navideños. Para todo iso conta coa colaboración da asociación de comerciantes Zona Aberta, encargada de mercar as uvas, e de Codorniu, Clesa e Gadisa, ademais dos voluntarios que botan unha man para que todo saia ben.
A crise, como non, tamén traerá o seu sacrificio, de maneira que este ano se decidiu prescindir do cotillón. «Estamos tentando que a festa exista pero economizando o máis posible», explicaba Lorenzo. Si vai haber, sen embargo, confeti e bombas de palenque para anunciar este fin de ano con horario das antípodas, á mesma hora que o celebran en Nova Zelanda.
Tampouco faltará a música. Desde primeira hora a asociación de percusionistas e pandereteiros Aperta percorrerá as rúas da cidade e rematarán, cando se aproximen as doce, en Ravella. Alí actuará, desde as once, o grupo Tornado. Unha vez que soen as badaladas e se desborde a alegría do comezo do ano, a concelleira promete unha sorpresa para os milleiros de persoas que se acheguen ata a praza do Concello. Despois, o grupo Tornado volverá ao escenario ata que a festa se desfaga, arredor das dúas da tarde.
Esta celebración tamén ten a súa incidencia no tráfico, posto que se pechará á circulación a rúa Juan Carlos I na parte frontal da Casa Consistorial, aínda que se permitirá bordear o edificio municipal e tamén o xardín de Ravella. Para permitir o aparcamento abrirase ao público o párking de Fexdega.