¿E agora que facemos con este desastre?

AROUSA

Vilagarcía chegou a un punto que non admite máis panos quentes. Non chegaba coa tolemia do párking, no era abondo co capricho da praza do Souto, en Rubiáns. Había, tamén, que demostrar quen manda ordenando, con presteza que linda coa nocturnidade, matar o debate que estaba nacendo antes de que os vilagarciáns puidesen falar. Marcelino Abuín vén de botarse el só aos pes dos cabalos. A alcaldesa, Dolores García, síguelle na súa arela autodestrutiva. Os dous fican desautorizados pola cidadanía e polo seu propio partido. Nin sequera dubidaron en arriscar a designación de Carlos Guerrero como candidato do PSOE ao ditar unha medida recoñecidamente impopular. Para colmo de males, sabemos agora que a empresa escollida para realizar as obras é a que menos traballadores vai empregar, oito fronte aos quince que propuñan o resto de aspirantes. ¿Onde está o investimento de cartos públicos en emprego? Dito isto, resulta evidente que non chega co simple estricón de orellas. Logo de manifestar publicamente que esta xente vai por libre, o PSdeG ten que tomar cartas no asunto. Igual que o BNG como socio de goberno. O risco é quedar, eles mesmos, tamén desautorizados.