A cegueira da man dereita (ou esquerda)

AROUSA

Como todo o mundo sabe, hai ámbitos e ocasións nos que resulta felizmente oportuno que a man dereita nin se cosque do que fai a esquerda. Por desgraza, a xestión pública nestes intres de petos furados e carteiras baleiras non constitúe o mellor escenario para xogar con semellante principio. Sucede que a xentiña que manda aínda non parece decatarse da que está caendo. Vexamos un exemplo. Esta semana, o Consello da Xunta, a instancias da Consellería de Medio Ambiente, dá luz verde urbanística ao centro comercial de Deiro. Un día despois, os comerciantes do Salnés desvelan que outro conselleiro, desta volta o de Economía e Industria, comprometeuse a non conceder licenza ao controvertido complexo. Para enlear a historia aínda máis, de que esas instalacións se constrúan depende a capacidade do Concello de Vilanova para soltar o millón de euros sobrado polo que a Axencia Tributaria vén de lle conceder en subhasta o pazo de Vista Real. Non semella moito pedir que a Administración teña connosco, atribulados contribuíntes, o pequeno detalle de poñerse de acordo consigo mesma, a risco de que o de Vilanova remate en auténtico esperpento con denominación de orixe. E así nos vai.