Tres séculos de Peixería

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Tal día coma o de Noitevella, haberá 127 anos que a praza do peixe, outra volta en reformas, foi inaugurada

18 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A praza da Peixería, concibida cando as marismas estaban xa a ser desecadas, foi o primeiro gran edificio público de Vilagarcía. Tamén o primeiro que modificou a fisionomía litoral do casco urbano, irrecoñecible para calquera vilagarcián decimonónico que hoxe levantase cabeza. A súa historia atravesa tres séculos. Comeza nas últimas décadas do XIX, desenvólvese ao longo do XX con múltiples reformas, algunhas delas ben discutibles, e desemboca no XXI cunha nova modificación, lixeira esta vez, en marcha.

Aínda que a idea, se ben cunha distinta ubicación, partira do seu antecesor, Francisco Viqueira, foi o alcalde Ravella quen encargou e inaugurou as obras. O deseño quedou en mans do prestixioso arquitecto Faustino Domínguez Coumes-Gay, mais a realidade é que, alén da sinatura dos planos, o verdadeiro autor foi Manuel Pereiro, magnífico mestre compostelán, que asumiu as tarefas de contratista e director dos traballos. Dous anos despois de iniciados estes, o 31 de decembro de 1883, A Peixería recibía estrea oficial cunha verbena que, segundo a prensa da época, se prolongou durante catro horas, dende as catro da tarde ata as nove da noite, con banda de música, farois de cores e algún que outro calentón incluídos.

O redactor da Gaceta de Galicia , que dedica unha páxina enteira ao evento na edición do 2 de xaneiro de 1884, marchou vivamente impresionado. Non tanto pola praza en si, que tamén, como pola calidade dos seus habitantes... femininos: «Constituían el mejor atractivo del acto las bellas hijas de Villagarcía, que a decir verdad son encantadoras y hay muchas en que escoger», apuntaba o noso colega, que lonxe de mudar de rexistro de contado, afondou en tan arriscada temática: «Acontece a veces que aquellas que más a uno gustan tienen ya dueño, pero como con solo la vista ningún daño se hace, fijándola en otras beldades que se hallan a merecer, se obtiene la satisfacción que busca el que como nosotros solo rinde culto a la estética».

Máis aló da arroutada vouyeur , o cronista subliña a armazón do teito e a rella dotada de catro portas que pecha a fronte principal, ubicada cara á avenida de A Mariña. O edificio, que nacía con douscentos puntos de venta, padeceu co transcorrer do tempo algunhas intervencións agresivas. Aquela forxa, por exemplo, foi cegada por unha parede durante anos. O peche actual, xa que logo, non é o orixinal.