«O marisqueo é un traballo duro, pero a técnica apréndese rápido»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

AROUSA

Aínda que recoñece que é un traballo duro, sobre todo ao principio, Eva Vidal está moi satisfeita de pertencer ao colectivo de mariscadoras a pé da confraría de Cabo de Cruz. Leva nove anos baixando á praia e faino con ledicia.

-¿Como se decidiu a dedicarse ao marisqueo?

-Animoume, sobre todo, o horario. Trabállase pola mañá e iso permítenos dispoñer de tempo libre para coidar aos fillos.

-Pero, ¿é tan duro como din?

-É duro, tanto no inverno como no verán debido ás condicións meteorolóxicas que hai que soportar. Nesta época, chuvia e frío e, nos meses estivais, demasiado calor.

-Tamén será duro traballar sempre sen saber o que se vai cobrar, ¿non?

-A clave está en gardar duns meses para outros. Nun traballo coma este apréndese a repartir os cartos, pois o salario final depende do prezo que acaden as distintas especies na lonxa.

-Das especies que traballa normalmente a confraría de Cabo, ¿cal é a súa preferida?

-A ameixa, o que máis me gusta é coller este marisco.

-¿É complicado aprender o arte de mariscar?

-O marisqueo é un traballo duro, pero a técnica apréndese rápido. O que ocorre é que non todo o mundo pode dedicarse a isto, fai falla forza e aguantar a chuvia e o frío.