Flipa con flops, colega. Hai institutos no Baixo Ulla que ofertan ciclos profesionais con acceso directo e garantido ao mercado laboral sen nin sequera saír da bisbarra. Algúns deles corren o risco de ver minguados os seus recursos e mesmo desaparecer pola sinxela razón de que apenas teñen alumnos. Parece que os rapaces prefiren militar nas colas do paro cos seus certificados de Administrativo ben quentiños na carteira. A non ser que as titulacións máis saturadas confiran aos seus posuidores un feroz atractivo sexual na adolescencia e primeira xuventude, que me perdoen pero non o entendo. Máis vacas nesta leira de millo. Gastamos millóns en fundacións, entes e enxendros varios para a redacción de estudos e informes que nos digan por onde tirar. O pacto polo emprego sinala á hostalería e ao turismo como motores poderosos, pero xorde unha escola no Grove, agora xa nas mans Sanxenxo, e súa frío para acadar un número de estudantes decente. Remata a faena a consellería do ramo, pasando de iniciativas que en principio semellan do máis interesante e co paso dos meses acaban no lixo. Non é de estrañar que moitos non vexan máis ca gaivotas voando. O mellor será volver ás patacas.