Un xersei en Xibraltar

AROUSA

Conversa impagable e absolutamente real entre dúas señoras de idades respectables nunha rúa de Vilagarcía. «Acabamos de chegar de Marrocos e de Xibraltar e, oes, tanto Xibraltar, tanto Xibraltar, tanto pelexar con Xibraltar e total non é nada; non hai nada que mirar non sendo os monos», confesa unha das mulleres. «Que lle queres», resposta a súa compañeira. Nada mellor que comprobar en persoa a realidade das teimas coas que nos bombardean cada día para facérmonos unha opinión propia. A maneira máis efectiva de cuestionar as cantinelas, as verdades eternas que os gurús do negocio nos meten machaconamente no caletre a base de repetilas unha e outra vez. A avoa dunha amiga colleu unha mañá o abrigo e marchou a escape da casa. «¿Onde vas?», preguntoulle a neta. «Por un xersei ao almacén de Rafael e Vicente», contestou ela. «¿E logo?». «Sonche os máis baratos e os mellores». «¿E iso como o sabes?». «Díxoo a radio», proclamou a nosa protagonista mentres baixaba no ascensor a fume de carozo. Competitividade, contención salarial, beneficio, cotización... termos e imposicións que damos por inevitables sen parar un intre a matinar nelas. Haberá que ir a Xibraltar e quitar o xersei da avoa.