«Estamos en mil batallas», di Xoán Mariño. Como apunta o outro, a cabeza non para. E as de Xoán e os seus compañeiros, menos. Os proxectos acumúlanse. Agora falla que os cartos cheguen, porque tamén é verdade que hai moitos a pedir pero moi pouquiños a pagar.
-¿Que tal foi o ano?
-Bastante ben. Bateremos o récord de nenos que pasarán pola Caixiña de Mistos. Xa van alá dez mil nenos, que foron os que entraron o ano pasado, e aínda queda todo o mes de decembro.
-¿Haberá cambios de contidos no vindeiro ano?
-Si. A idea é sacalo fóra de Galicia. A vantaxe que temos é que moitos dos contidos son sen texto polo que poderemos seguir priorizando a produción galega. Pero queremos que medre a cousa.
-¿E que máis proxectos teñen para o 2011?
-O proxecto estrela é crear a primeira sá de proxeccións estable de curtas en Vilagarcía. Queremos inaugurala no 2011.
-¿E máis inmediatos?
-Temos unha peli no festival de Noia, e na vindeira semana outra en Alacante. Tivemos varias curtas seleccionadas nos festivais neste ano, que tiveron moi boa acollida. No mes de febreiro iremos a Cuba para un proxecto documental que temos sobre a emigración galega alí. Estamos moi ilusionados con este proxecto porque hai varias televisións interesadas.